Hai que inventar algo que sexa unha invención tal que calquera que non teña nada a ver coa situación considerada, chegue a considerala como a súa, en certo sentido (...) Fundamentalmente, tedes que inventar a Galiza: contra o centralismo español, contra o capitalismo, contra a devastación, contra o desterro; é verdade, contra todo iso, mais o "contra todo iso" faise invocando o que vós poñedes en nome da Galiza e que, en certa maneira, aínda non existe.

 

Alain Badiou

 

Contra a demolición da cultura é un colectivo de persoas procedentes de diversos ámbitos que, desde comezos do ano 2012, está tentando loitar contra o proceso demolidor da actividade cultural, que os diversos poderes,  amparándose no contexto de crise económica, queren facer pasar como algo inevitábel e mesmo natural e preciso. Na sección TEXTOS, dentro do apartado manifestos, pódese ler o Manifesto fundacional no que fican explicitadas as nosas principais ideas: a reivindicación da cultura como algo imprescindíbel para o ser humano, a súa concepción non elitista, a necesidade de inserción cos movementos populares ou o anonimato. Nesa mesma sección inseriranse no futuro outros documentos que podamos ir elaborando. En IMAXES ilustramos visualmente algunhas das actuacións do colectivo, en canto LIGAZÓNS tende unha ponte cara a diferentes territorios que teñan a ver co feito cultural, desde actividades xerais desenvolvidas no noso país até iniciativas como o Manifesto em defesa da cultura, que naceu en Lisboa case que simultaneamente ao propugnado por nós. Ao cabo, o apartado CRONOLOXÍA dá conta pontual da información, os actos ou a actividade de Contra a demolición da cultura.